Marcie

Marcie foi unha mansio, pequeno establecemento hoteleiro, da vía XIX do Itinerario de Antonino e que estaba situado en Santa Cruz da Retorta, concello de Guntín. Isto sábese porque o Itinerario establece desde Lugo habia 13 millas mentres e a Tábula de Barro que tamén a cita establece 11. Facendo a conversión da milla romana a 1,480 km, principio perfectamente operativo na Provincia de Lugo, teriamos uns 19 ou 16 km que coinciden ca zona de San Román.

Do recinto castrexo apenas poden albiscarse as trazas, pero ao redor da igrexa parroquial de Santa Cruz da Retorta documéntanse abundantes tumbas de inhumación. Son de gran tamaño de planta trapezoidal construídas con laxas de lousa ou granito fincadas verticalmente e outro chanto, neste caso case sempre de granito, a modo de cuberta. Nalgún caso tamén é visible tégulas en superficie e sillares perfectamente escuadrados. Desta mesma zona preceden ademais outros materiais construtivos como, por exemplo, a celosía encaixada no testeiro románico da propia igrexa de Santa Cruz ou o capitel de época tardía  dos séculos IV ou V achado por nos na década dos anos 90.  É moi curiosa a cabeza de berraco localizada nunha leira denominada “O Castrelo” situada enfronte do lugar do achado do miliario por mor dos traballos de laboreo do terreo. A peza, de difícil interpretación, parece ser a cabeza dun suposto xabaril ou cuadrúpede sobre as que se trazaron todo unha serie de pequenas liñas rectas a modo de esgrafiado similares aos exemplares de Picáns (A Estrada) ou Prado (Lalín).

Este tipo de representacións non son abundantes na Provincia de Lugo, aínda que contamos con outro exemplar achado no lugar de Seteigrexas (Monterroso)  o cal, curiosamente, tamén foi localizado nunha zona onde se documenta a existencia dun asentamento rural romano, un recinto castrexo e un miliario, neste caso do emperador Caracalla e pertencente á vía Lucus - Bracara por Aqua Quintina (Quinta de Agrade). 

Moi preto, no lugar de Crecente, atopouse unha magnífica estela funeraria de Apana. O primeiro que nos sorprende é a súa soberbia factura, sobre todo pola representación escultórica en altorrelevo da suposta familia da defunta na súa parte superior que poden estar relacionados estilisticamente con exemplares da zona de Burdeos. Nela aparece o epitafio de Apana, filla de Ambolo, pertencente ao pobo dos Célticos Supertamaricos, concretamente ao castro de Miobro. O achado dun exemplar destas características nesta zona de San Román da Retorta supón unha importante testemuña do tránsito humano dun camiño romano. De feito, a defunta era oriúnda do castro Miobro, situado ao norte do río Tambre, é dicir moi próximo ao importante porto de Iria Flavia punto de paso desta ou quizais tamén de destino desta vía. Polo tanto estariamos ante unha familia que empregaría esta ruta no seu desprazamento desde a costa oeste de Gallaecia ata a propia capital conventual pola vía directa de unión entre ambas. Neste sentido, poderiamos presupoñer que unha enfermidade ou un accidente conducise ao falecemento de Apana polo que é mais que probable que os seus acompañantes buscasen unhas instalacións hoteleiras onde poder intentar resolver da mellor maneira posible este grave momento.

Todos estes datos fannos sospeitar da existencia en torno ao castro de San Román dunha zona de importante poboamento con ampla continuidade no tempo. De feito, os elementos construtivos aparecidos fálannos da existencia de edificios tardíos coa suficiente entidade como para legar restos deste tipo.  Por tanto, a coincidencia destes importantes restos coa distancia sinalada polo Itinerario de Antonino fai máis que plausible a localización da mansión Martie entre o recinto castrexo e a propia igrexa de Santa Cruz da Retorta onde apareceron a maioría de restos como se pode apreciar no mapa adxunto. De feito, a existencia nesta área dun miliario do Calígula achado in situ corrobora en certa medida a esta hipótese.

Neste sentido é realmente significativa a toponimia da zona onde ao noso entender estaría situada a mansión de Marcie. Os termos Román e Roma son abundantes no contorno, especialmente intensos na micro toponimia, empregándose incluso San Román como advocación do lugar. Tamén a denominación retorta pode aludir ás curvas realizadas pola calzada en zonas de pendente.

Capitel tardorromano de Santa Cruz da Retorta. 

Séculos V - VI d.c.

Suposto berraco atopado na finca chamada

“o Castrelo”

Estela de Apana atopada no lugar de Crecente

 

APANA  AMBO

LLI  F(filia)  CELTICA

SVPERTAM(arica)

[כ] MIOBRI

AN(norum)  XXV  H(ic)  S(itus)  E(st)

APANVS  FR(ater)  F(aciendum) C(uravit)

 

Apana, filla de Ambolo, celtica Supertamarica (do pobo dos Célticos

que viven por riba do río Tambre) do castelo de Miobro, morta á

idade de 25 años, aquí xace. O seu irmán, Apanus, foi o promotor desta dedicatoria.