Lares Viais. Temes

LARIBVS

VIALIBV

S ARA(m) (?)

 

Aos Lares Viais, (?) puso esta ara

Lugar de conservación: Interior Igrexa de Temes

Material: Granito Medidas: 29x27x20 Altura das letras: 3 cm

Decoración: Só se conserva o fragmento superior no que se sitúan tres foculi  aliñados de 4 cm de diámetro dos cales se perdeu totalmente o situado na súa parte esquerda.

Descuberta en 1978 polo cura párroco D. Segundo Capón Linares ao repicar o cal que cubría as paredes da igrexa.

Este exemplar atópase moi erosionado o que dificulta a súa lectura sobre todo a terceira liña da cal apenas podemos intuír unha ARA detrás do “S” final da divindade. Ao remate desta liña e da cuarta non distinguimos ningún trazo coherente aínda que, Ares Vázquez (et alii 1979, 312) e Delgado Gómez (1997, 32) interpretan PO / SV M, presupoñendo que a última consonante indica o inicio do nome do dedicante.

Dirixidos por J. Manuel Caamaño Xesto efectuáronse en 1995 dúas sondaxes arqueolóxicas na devandita igrexa; un na zona da ábsida e outro no exterior paralelo ao muro norte. Nelas apenas se exhumou material romano, reducíndose os achados desta época a un fragmento de vidro transparente de cor verde oliva datable entre o século II e o IV e a tres fragmentos cerámicos moi rodados que puideron corresponder a cerámica común romana. O resto de materiais adscríbense na época medieval e moderna.

 

REF: CPE6