Castro de San Xoán

Está moi preto do Castriño de Papelle (CPC1) a tan so un km. O recinto que nos ocupa ten unhas impresionantes vistas sobre o Miño xa que está situado nunha magnifica posición dominando de feito un meandro do curso fluvial e puido ter albergado unha poboación de 178 habitantes. Entre o recinto e o río pasa a estrada LU-P-1801. Toda a zona incluído o xacemento esta ocupado na súa totalidade por un considerable bosque.

Dada a profusa vexetación que o cubre e que o rodea resulta moi difícil discernir as estruturas que debería ter como recinto castrexo. Pódese intuír un nivel de muralla cara ao norte mentres que ao sur aparece unha pendente con afloramentos rochosos que vai cara ao curso fluvial.

 

As Lendas dos Mouros.

Deste castro circulan entre os veciños dúas lendas que pola curiosidade ímolas reproducir. A primeira fala dunha gran serpe que se ocultaba na chamada “Cova da serpe”. Pois resulta que un día unha tecedeira de Vilaquinte que baixaba cara a Papelle atópase de fronte co réptil. Asustada e sen saber moi ben que facer ocorréselle tirarlle os novelos de lá quedándose coas puntas na man. Morta de medo e como a serpe seguía avanzando cara a ela, nin corta nin preguiceira tira dos fíos e afoga á serpe.

A outra lenda, como ven sendo moi habitual, fai referencia aos mouros. Resulta que un bo dia un veciño do lugar ia cara a feira e no medio camiño atopouse cun descoñecido que o acompañou ata o destino, comeron xuntos e tamén iniciaron o camiño de regreso pero o veciño viña algo temeroso xa que o seu misterioso acompañante non coñecera a ninguén na feira, cousa moi rara, pero non se atrevía a facer nin dicir nada. De tal sorte que tanto se ensimesmou que cando se decatou a seu acompañante xa desaparecera. Ao chegar a casa contoulle o sucedido a súa dona que lle comunicou que o seu misterioso acompañante seguro que era un muro dos que habitan no castro.

O tema das lendas sobre os Mouros son moi curiosas e practicamente aparecen sempre que exista un poboado castrexo, ou mesmo unha mámoa ou incluso calquera cousa antiga. Fan referencia a esas misteriosas xentes que o igual cos celtas poboaban os castros no imaxinario popular.

Non se sabe con certeza a procedencia do termo aínda que para  filólogo Isidro Millán procede do celta mrvos afín ao termo indoeuropeo mr-tuos, que nos conduce ao latín mortuus. De aí que moitos autores sosteñan que os mouros eran razas xa desaparecidas, os mortos, quizais como a lenda reproducida antes. Isto explicaría que o seu uso non se circunscribe exclusivamente á época da cultura castrexa senón que tamén son empregados para denominar ós habitantes da época anterior: o megalitismo ou mesmo aos posteriores: os romanos, non sendo estraño escoitar como os mouros foron os construtores das antigas pontes de pedra. O que é mais sorprendente se cabe, e que tamén se empregan para referirse a xentes de épocas moito mais recentes como por exemplo os franceses e carlistas, aínda que en moito menor medida.

Para outros o seu nome está relacionado co galego “ouro”. Criaturas que, polo tanto, vivían no subsolo en goridas e túneles onde, dependendo da zona, se dedicaban á extracción do ouro. Eran presentados como non bautizados e pagáns para diferencialos dos actuais cristiáns matizando, deste xeito, a súa antigüidade. Os mouros traballaban na ourivaría e nalgúns casos, para indicar a súa procedencia foránea, considerábanos que eran escuros de pel. As mouras tiñan fama de feiticeiras, rubias e de pel branca habitaban moitas veces as fontes. Hai que ter en conta que "louro" é usado polos campesiños para referirse á cor vermella, non ao amarelo como comunmente se pensa. Son iguais aos humanos agás en que viven baixo terra, son ricos, teñen poderes máxicos ou viven baixo algún encantamento.

É curioso observar como na mitoloxía asturiana aparece unha concepción moi parecida destes “mouros”. Seres tamén máxicos que vivían dende o principio dos tempos e que por unha razón descoñecida víronse obrigados a vivir debaixo da terra, exercendo o oficio da minaría, a metalurxia ou a ourivaría. Son os construtores dos dolmens e dos castros e debido á súa forma de vida teñen grandes tesouros que son protexidos por serpes ou por feitizos. Rara vez saen ao exterior, a non ser para recoller comida, e só saen ao solpor ou pola noite ou en días moi sinalados como a noite de San Xoán.

Polo tanto “os mouros” sería a forma que tiña a xente de explicar fai séculos todas estas etapas descoñecidas para os campesiños. No caso que nos ocupa, a este termo mitolóxico foille engadido outro termo de significado agrícola para aludir quizais ao espazo ocupado.

Noutras culturas tamén teñen un termo para referirse a estes seres mitolóxicos. Deste xeito os escoceses chámanlles Pictos, en Irlanda Fennianos, no País de Gales Twlwith Teg, en Bretaña os Korred e en Noruega por exemplo os Thusser.