Castro de Centulle

Esta situado nunha elevación e a día de hoxe esta poboado de carballos e pinos. Atópase moi preto da vila de Chantada e se accede desde ela pola estrada LU-213.

Xacemento moi alterado que sufriu profundas modificacións debido ás obras construtivas levadas a cabo no seu recinto. Por unha banda, a edificación do santuario da Virxe de Fátima no centro da croa. Pero ademais tamén se construíu xusto o seu carón un edificio de varias plantas e un depósito de auga. Percíbese perfectamente como a croa esta defendida por un terraplén que o rodea totalmente e tamén restos de un parapeto cara ao norte.

É curiosa a historia da construción deste santuario no centro do recinto castrexo non so porque sexa o único santuario nacional dedicado á virxe portuguesa senón tamén porque foii un proxecto persoal do sacerdote Emilio Eyré Lamas. De feito, as obras do santuario inícianse en 1944 nun particular estilo ecléctico mixturando elementos prerrománicos, visigóticos, románicos, mozárabes, góticos e un claro compoñente celta, influencia das orixes irlandesas do clérigo promotor.

Durante as obras de cimentación dise que atoparon multitude de restos do antigo castro como estruturas defensivas, estatuillas, cerámica, ata un torques, polo que concibe facer tamén un museo arqueolóxico como complemento ao santuario onde expor as pezas.

Mentras duran as obras Centulle é moi famoso recibindo importantes visitas como a dos ministros de Réxime Girón e Ruiz Jimenez, o abad de Samos e mesmo o bispo de Palencia. Eyré recadaba, por aquelas datas, axudas para continuar a obra, recibindo unha do mesmo Caudillo. Sen embargo, e a pesar de todos os seus esforzos, o proxecto interrúmpese en 1957 por falta de fondos. Hoxe en día tan so quedan unhas ruinas, cun aspecto preocupante, dado o deterioro e os sucesivos actos vandálicos que se fixeron ao redor, ademais dun edificio de varias plantas situado sobre a muralla do castro.