Castromaior

Este impresionante poboado castrexo está moi preto da estrada LU-633 e do Alto do Hospital, limitando cos pobos de Castromaior, Vilanova e Pardellas do Monte. Na fotografía aérea apréciase claramente boa parte das súas estruturas defensivas e as escavacións efectuadas no recinto desde o 2006 poñendo ao descuberto varias vivendas, rúas e prazas, parte da muralla e a propia entrada. Tamén se atopa xusto a carón do Camiño Francés, sendo unha visita obrigada. Todas estas características fan de Castromaior un conxunto arqueolóxico senlleiro nas terras do Condado de Pallares e fai que mereza un estudo mais pormenorizado.

Situado nun outeiro, posúe unha ampla zona de control visual no contorno. Coa fin de dotalo dunha estrutura defensiva foron creados numerosos foxos e terrapléns, catro cara ao leste e cinco ao oeste, ao redor da croa de planta circular que esta bordeada por unha muralla de pedra de gran entidade.

Castromaior ten unha gran continuidade no tempo. A fase mais temperá é dos séculos VI ou V a.c., mentres que o momento de maior esplendor coincidiu no cambio de era, abandonándose o poboado quizais no século I, como noutros moitos casos. Neste tempo o poboado sufriu unha profunda remodelación das súas estruturas habitacionais debidas en ocasións a incendios e outras veces a reformas construtivas ou abandonos parciais pero non a un incremento demográfico.

No período mais antigo as construcións eran de tipo vexetal e foron datadas no século IV a.c, como as localizadas no castro de Vilela (Taboada). Só existían dous únicos recintos amurallados e un espazo ocupado ao exterior. A primeira remodelación implicou a construción de vivendas pétreas con teitumes vexetais. Tamén se urbanizou o recinto principal e dispuxéronse edificacións ao redor da muralla pero deixando, iso si, espazos comúns e de tránsito entre as casas. Estas novas vivendas foron construídas  con aparello mixto de lousa e cuarcita.

A segunda gran transformación foi realizada na última fase de ocupación do poboado durante os séculos II-I a.c., sufrindo un importante cambio a superficie habitable. Ademais das reformas nas casas, articúlanse tamén unha serie de rúas transversais cegas de dominio privado ás que só se accede desde o devandito paseo. Se xeran novos espazos públicos, se constrúe un edificio de enormes proporción xusto a carón da entrada principal e aparecen sumidoiros, todo elo froito do contacto ca cultura romana e do gusto que esta tiña polo urbanismo.

Un dos aspectos que mais chama a atención neste castro e a súa magnífica muralla  que sen dúbida xogou un gran papel como signo de identidade social e de prestixio. De feito, para chegar ao centro do poboado é necesario atravesar previamente dúas entradas e os seus correspondentes recintos, con máis de 100 m de distancia entre o primeiro parapeto e a última porta, o que supón unha estratexia pasiva de defensa moi utilizada no mundo castrexo. Unha vez na muralla o paso se facía a través de tres portóns, un exterior e dous interiores situados a carón das dúas estancias dedicadas ao corpo de garda. Toda esta estrutura murada estaba cuberta cun armazón de madeira convertendo de feito a entrada no recinto nun auténtico túnel como se pode apreciar na reconstrución. Esta entrada sufriu tres remodelacións importantes provocadas, polo menos a segunda, por un incendio que se documenta perfectamente nos espazos do corpo de garda. Aparecen as escaleiras de acceso a estes torreóns que permiten subir independentemente a cada zona de vixilancia. Os paramentos da muralla posúen como mínimo 4,5 m de altitude e un paseo de rolda de 1,5 m de ancho con piso lousado.