Vía Aqua Quintina - Dactonium

A importancia que cremos tivo na súa época esta ligazón transversal do sur da Provincia de Lugo nunca se víu correspondido polo trato que as fontes documentais lle dispensáron. Como mencionabamos no apartado anterior, de época antiga a única fonte que de maneira indirecta e parcial suxíreo é a segunda Táboa de Barro de Astorga onde, máis ben, cremos que se trata unha ruta formada pola unión de dúas vías: a directa entre Lugo e Braga e o seu desvío cara a Montefurado desde o lugar de Agrade.

A documentación medieval, sen ser demasiado explícita, reporta interesantes informacións sobre as rutas de comunicacións existentes nesta zona durante esta época. Quizais, a noticia máis senlleira sexa a mención da chamada “strata de Castellion” (Ferreira Priegue 1988, 229) que, unha vez máis, vólvenos a salientar a importancia que a nivel viario tivo o asentamento de Castillós. De feito, nunha doazón datada no 968 xa se sinalaba a este camiño que cruza Castillós como antigo: “in Lemos,  in vila que vocatur Castilinis... sicut dividitur per antiquam carrariam” (AHPO, T.S. Clodio 1611, 37).

Agra ben, para entender esta vía temos que ter en conta as importantísimas explotacións auríferas situadas na Serra do Caurel e a imperiosa necesidade que Roma tivo de dotar á zona dun sistema viario que permitise tanto o transporte do material extraído como o movemento de tropas para garantir a súa seguridade.

As investigacións de Luzón Nogue, J.M. e outros en 1980 sobre estas actividades mineiras nesta zona permitiron detectar dunha maneira rotunda duas vías romanas con funcións claramente mineiras e comerciais. Por unha banda, a ruta que transcorre paralela e por ambas marxes da canle do río Lor en todo o seu percorrido e, por outra, a vía que nos ocupa que para estes autores (1980, 76) enlazaría ca anterior á altura da Ponte de Barxa de Lor.

En boa lóxica, e se temos en conta a estrutura camineira de toda esta zona, dedúcese que tanto a vía de acceso ao Courel como a transversal cara a Foro, deberon ser posteriores á vía XVIII ou Vía Nova e, por tanto, posteriores ou contemporáneas á época Flavia. Este suposto tamén está avalado polos achados arqueolóxicos periféricos de ambas rutas.

Desde o núcleo viario de Aqua Quintina (Quintá de Agrade) a vía toma dirección noroeste para dirixirse a Chantada a través das poboacións de Santa Cruz de Viana, San Pedro de Viana, onde aínda son visibles restos de calzada en moi mal estado de conservación, e Brigos. Moi probablemente cruzaría a actual poboación de Chantada polo seu lado sur para, acto seguido, iniciar o descenso cara ao curso fluvial do río Miño a través dos lugares de San Esteban e Líncora. Tanto neste tramo da marxe oeste do Miño como no seu posterior da marxe este, a vía describe uns pronunciados zigzag co obxectivo de diminuír a pendente e favorecer o tránsito. Este sistema, comunmente utilizado nos camiños antigos de distintas épocas, xa foi explicitado por Henri Gautier a fins do XVII como o método idóneo para salvar a pendente dunha montaña. Na Gallaecia romana foi empregado de maneira moi eficiente nos chamados Cóbados de Larouco da vía XVIII coa intención de ascender 254 m desde a ponte romana sobre o Bibei ata o Alto dá Hermita Vella en tan só 2,5 km, o que representaría unha pendente superior ao 10%. Neste caso, os construtores romanos souberon alargar a traza da vía ata chegar ao 5,6 km adaptándose ás particularidades do terreo a base de pronunciados zigzag e diminuír a pendente ata conseguir unha uniforme do 4,5%.

Un sistema similar no empregado para salvar o río Miño polo lugar de Belesar que, aínda que é máis discreto que o anterior, cumpre perfectamente cos mesmos obxectivos.

Sen dúbida, este tramo, que podemos denominar como Cóbados de Belesar, é o mellor conservado de toda esta vía. En todo o seu percorrido atópase empedrado con bloques de considerable tamaño perfectamente compactados formando unha magnífica calzada duns 3,5 - 4 m de anchura media. Esta estrutura superior aséntase sobre outra capa inferior formada por pedras de menor tamaño trabadas con area e arxila. O conxunto resultante é unha estrutura tremendamente compacta que resistiu perfectamente o paso do tempo.

Aínda que tampouco se conserva a dedicatoria aos Lares Viais (CPE8) achada en 1941 na Igrexa, a conxunción de todos estes factores pódennos dar unha idea da suposta importancia que puido ter Belesar durante a época romana como paso crucial do Miño.

Desde o lugar de Montecelo, a vía diríxese cara ao leste a través de varias poboacións testemuñadas en época romana mercé a exemplares epigráficos. Desta forma, o camiño salvaría o lugar de Mourelos, Millarada, Fión para alcanzar posteriormente o importante núcleo de Castillós a través dos lugares de Cerdeiro, Vilaravides e Camiño Grande.

Ainda que queda fora dos límites xeográficos deste traballo cremos importante recalcar a importacia que tivo Castillós como asentamento romano e núcleo viario e tamén as similitudes que puido ter con Aqua Quintina. Grazas as investigacións levadas a cabo por Arias Vilas (1992, 228) e por Pérez Losada (2002, 282) podemos concluir que en Castillós se desenvolvéron sobre todo actividades domésticas: moenda, cociñado de alimentos, tecido, adorno persoal e metalurxia, e quizais tamén o comercio polo que debeu de ser un pequeno aglomerado romano viario e, segundo Pérez Losada, debese identificar con Dactonium (2002, 289).

Espectacular calzada romana nos cóbados de Belesar. Boa ruta de sendeirismo de 1,8 km de subida.