Vía Lucus Augusti - Aquis Querquennis

Esta vía é unha das grandes descoñecidas da Gallaecia romana debido a que non foi nomeada nas fontes itinerarias tradicionais, circunstancia que foi consideraba clave na investigación viaria durante varias décadas. Pero a existencia ou non, e mesmo a importancia dunha vía, non está en relación directa ás fontes itinerarias. A día de hoxe aínda non é posible establecer os criterios que seguiron os redactores destes documentos viarios á hora de incluír ou non certas rutas pero, o que esta claro, é que a importancia que tiveron na antigüidade non foi un valor por si mesmo.

A única fonte na que aparece citada é nas Táboas de Barro de Astorga, concretamente na II, dun xeito difuso e moi complicado de interpretar. Dela interésanos sobre todo a segunda parte do texto xa que a primeira refírese ás mansións e distancias da vía XIX. 

O texto é o seguinte:

VÍA LVCO AV[GVS]TI A[D DATIONVM]

AQVA[E QVIN]TIA[E]?

DACTIONVM IX? (X)

C.LEP.M

II VIR

Lamentablemente o deterioro que sufríu o soporte é especialmente significativo nesta parte inferior onde se acha escrito este itinerario, o que provocou a case total desaparición do texto, resultando imposible determinar o numeral da indicación das distancias na primeira mansión citada e un hipotético IX ou X na segunda. Tampouco existe unanimidade nesta segunda cifra, así Roldán Hervás (1975, 166) interpreta IX mentres que Fernández Ochoa (1999, 573) interpreta X seguido doutra posible cifra que se perdeu.

Esta circunstancia fai inviable expor unha suposta localización das mansións en función das distancias ofrecidas polo itinerario, método empregado cremos que con bos resultados cando situamos a mansio de Martie da vía XIX en San Román da Retorta.  Ante esta carencia, será necesario outorgar maior protagonismo aos propios restos arqueolóxicos da zona, sobre todo os viarios, xa que son, en última instancia, os únicos datos totalmente fiables cos que contamos.

Deste xeito, destacan en primeiro lugar os 14 miliarios que esta vía posúe entre Lugo e Ourense. Unha cifra nada desprezable que ademais nos permite trazar o seu itinerario dun xeito seguro, como se pode comprobar na mapa síntese da rede viaria romana no sur da Provincia de Lugo. Pero ademais, estes miliarios tamén nos permiten facer unha datación bastante segura da época na que a vía estaría en funcionamento. Deste xeito, todos os miliarios pertencen aos séculos III e IV d.c. e, o que aínda é mais sorprendente: catro dos 14 miliarios pertencen ao emperador Caracalla (emperador entre o 211 e o 217), entre eles os dous da nosa área de estudo. Este feito lévanos a expor a hipótese de si sería precisamente este emperador o que construíu a vía nesas datas. Sexa como for debemos ter en conta que no sur de Ourense enlaza coa vía antoniniana XVIII e sabemos que a construción desta vía, tamén chamada por esta motivo Vía Nova, realízase a fins do século I. De feito, é de aceptación xeral que a súa construción débese aos Flavios, concretamente aos emperadores Tito e Domiciano, que o construirían no ano 80. Chegados a este punto tamén cabe expor outra hipótese distinta en relación á autoría da súa construción, porque non sería pois estraño que nesta mesma época, ou na inmediatamente posterior, procedésese a practicar unha enlace cara a Lugo desde Aquis, conseguindo deste xeito unha ligazón rápida e curta das tres capitais conventuales do Noroeste peninsular. Neste caso a función do emperador Caracalla quedaría entón relegada á de mero reparador da vía 100 anos despois.

Esta avanzada cronoloxía vese tamén corroborada por outros restos arqueolóxicos desta ruta, como por exemplo os epigráficos, monetales e cerámicos. Esta circunstancia pódese rastrexar en todos os puntos arqueolóxicos do percorrido, sobre todo nos que se practicou algún tipo de escavación arqueolóxica como, por exemplo, en Quintá de Agrade. Este feito tamén se pode facer extensible á ruta transversal entre Agrade e a vía XVIII a través de Castillós.

En segundo lugar esta vía posúe unha serie de puntos viarios romanos tardíos moi importantes como por exemplo:

- Santa Eulalia de Adá (Chantada)

- Cal de Mourelle (Taboada)

- As Touzas (Taboada)

- Leiras Vellas (Chantada)

- Rairo (Chantada)

sendo desde logo o mais senlleiro Aqua Quintina (Quinta de Agrade, Chantada)