Vía XIX

En relación coa vía XIX que pasa polo norte do Condado de Pallares, concretamente polo concello de Guntín, hai que ter en conta a existencia de dous trazados admisibles entre Iría Flavia e Lucus Augusti, cronoloxicamente sucesivos. O primeiro, por orde de antigüidade, sería o testemuñado polos dous miliarios de Calígula: o de San Román da Retorta e o do Pico Sacro, cun trazado rectilíneo entre estes dous puntos. Este primeiro trazado, probablemente de época augústea, e cunhas eminentes funcións militares e de abastecemento sufriría unha mutación significativa coa construción do campamento romano de Cidadela. Nese momento, a finais do século I ou principios do século II, xurdiría un novo itinerario que respondería o obxectivo de enlazar o importante porto de Iría Flavia co asentamento militar recentemente creado. Este novo trazado cremos que propiciaría o desenvolvemento de núcleos xa existentes pero que agora adquiren máis entidade, como é o caso de Asseconia (Santiago de Compostela). Doutra banda, tamén sería a causa da aparición de novos asentamentos de índole eminentemente viaria como os de Santiso e Castrofeito.

Cremos así mesmo, que este planteamento cronoloxicamente sucesivo pode explicar a localización de certos miliarios, todos eles tardíos, que doutra forma non encaixarían en ningún tipo de ruta, como é o caso do achado en Asentos ou o localizado en Boimorto analizado por Pérez Losada (Vide. Mapa Síntese de transformación da rede).

Tamén matizaramos no seu momento que o segundo tramo desa primeira ruta augústea entre Melide e Lugo non cremos que fose abandonado a favor do recentemente creado entre Cidadela e a capital conventual. As razóns que nos levan a esta suposición son basicamente dúas. Por unha banda, o emprego dunha ligazón entre Lugo e Iría a través de Cidadela supón un enorme rodeo para os viaxeiros civís que non ten aparentemente ningunha lóxica. Cremos pola contra que o trazado en dirección norte empregaríase para abastecer ao propio campamento e, sobre todo, para alcanzar a costa norte de Galicia polo camiño secundario que, desde este establecemento militar, parte ata a costa lucense a través de Guitiriz, Buriz, Vilar da Graña (Roupar) e Xerdiz, lugares todos eles onde se constatan abundantes exemplares epigráficos, na súa maioría dedicados aos Lares Viais.

Doutra banda, os abundantes restos arqueolóxicos existentes no tramo Melide - Lugo, a súa ampla cronoloxía e a súa propia entidade testemuñan o uso deste itinerario ao longo de practicamente dous mil anos, xa que despois de camiño romano foi empregado como camiño de peregrinación, o denominado Camiño Primitivo, e como Camiño Real que enlazaba Lugo con Santiago.

Como sabemos, esta vía sairía de Lugo pola Porta Miña para baixar cara ao río polo Carreiro dos Hortos e cruzaría o río Miño pola ponte que posúe basamentos romanos. Continuaría por San Lázaro, San Matías, O Burgo, Bacurín e chegaría á parroquia de Santiago de Mera  polo significativo topónimo “O Francés”, que nos trae reminiscencias deste Camiño Primitivo que comparte moitos tramos da vía romana, non so nesta zona, senón tamén no traxecto de Lugo a Oviedo por Fonsagrada.

A existencia de importantes restos arqueolóxicos, xunto a coincidencia da distancia sinalada polo Itinerario de Antonino, como se pode apreciar no mapa adxunto, fai máis que plausible a localización da mansión Martie do Itinerario de Antonino entre o recinto castrexo e a propia igrexa de Santa Cruz da Retorta onde apareceron a maioría de achados. De feito, a existencia nesta área dun miliario do Calígula  in situ corrobora en certa medida a esta hipótese.

Neste sentido é realmente significativa a toponimia da zona onde ao noso entender estaría situada a mansión de Marcie. Os termos Román e Roma son abundantes no contorno, especialmente intensos no micro toponimia, empregándose incluso San Román como advocación do lugar. Tamén a denominación retorta pode aludir ás curvas realizadas pola calzada en zonas de pendente. 

Desde este punto a vía continuaría por Pacio, Ponte Ferreira, Leboreira, Merlán, entrando na provincia da Coruña pola serra do Careón e chegaría a Melide despois de cruzar os pobos de Vilouriz e Vilamor onde moi preto se sitúa outro asentamento romano vinculado á vía denominado o “Agro de Nogueira”, seguindo na maior parte dos tramos un percorrido coincidente co Camiño Primitivo de Santiago